Que é isto?

O Neoloxismo do Ano ten por obxectivo elixir a palabra «nova» do galego que máis nos presta das que foron inventadas ou popularizadas nese ano.

Para que?

O galego é unha lingua viva e como tal os galegos andamos seguido a crear palabras. Nós queremos celebrar iso escollendo unha palabra que represente esta vizosidade da lingua en cada ano. A idea é festexar a creatividade e divertimento de falarmos galego. Unha lingua que non crea palabras novas é unha lingua morta, mais o galego hainos durar mil primaveras máis, e esta iniciativa serve para visibilizármolo.

Como curiosidade, certames semellantes xa se fan noutras linguas por algúns organismos, senden os máis parecidos os da American Dialect Society ou Oxford Dictionaries para o inglés. Algúns outros fanno cun obxectivo lixeiramente diferente, como é o caso do Observatori de Neologia no catalán, onde se vota por unha candidata a entrar no dicionario. Por último, outros céntranse na actualidade e elixen a palabra (nova ou vella) que mellor resuma o ano, como é o caso da Fundéu no castelán, o Gesellschaft für deutsche Sprache no alemán, Cambridge Dictionaries ou Merriam-Webster no inglés ou mesmo o Portal das Palabras no galego, no que vos convido a participardes!

Cal é o proceso?

Ao comeza solicitábamos candidatas á xente; agora ainda se aceptan propostas a considerar, pero en xeral obtéñense a través dunha compilación automática de prensa e persoas en Twitter. Calquera a orixe, as palabras son revisadas a man por lingüistas, quen elixen as finalistas baseándose en criterios sociais e de relevancia. Podes enviar propostas en calquera momento do ano escribindo a @xurxodiz en Twitter.

Unha vez son escollidas as candidatas, sométense ao pobo para seren votadas e elixirmos un gañador!

Cando voto? Cando se sabe o gañador?

O concurso para o ano 2022 aínda non está aberto, pero podes recibir un email cando abra a votación deixando o teu enderezo de correo electrónico neste formulario.

Cando abra, lembra compartir a convocatoria nas redes sociais (preferentemente co hashtag #NeoloxismoDoAno) e falarlle dela aos teus amigos e familiares, para que todo o mundo poida tomar parte! Diríxelles cara o enderezo desta páxina, neoloxismo.gal.

Quen organiza todo isto?

A iniciativa e o labor de filtrado e xestión lévaos o Xurxo Diz Pico.